Poesía e números

A materialidade da economía transmútase en espírito, pois toda experiencia da transcendencia ten un prezo, mesmo se temos que pagar polo tempo. É así que a materia é espírito, e o espírito é materia, e a partir desta filosofía se crearon os poemas.

Non sempre lle damos unha relevancia ao custo da beleza; estas tarifas as ocultamos. Agochamos a economía, quizais por descoñecemento das dinámicas de poder que nos estrullan.

A falsa autónoma fai esta visibilización. Trátase de subliñar as sumas e as restas. Yolanda Castaño expón as súas contas. Cóntanos a súa contabilidade. Non pretende tanto facer ou desfacer teorías sobre a plusvalía ou as explotacións que se desenvolven nesta idade crítica para o emprendemento. O que ela quere romper é un tabú: o diñeiro tamén é poesía. O arte precisa cartos para se construír e hai unha beleza, ademais, nos números.

Dende Virginia Woolf, as mulleres somos conscientes da nosa desvantaxe na historia da arte. Faltáronnos o cuarto propio e os cartos. Sempre tivemos moitas máis tarefas que facer no niño doméstico, que estabeleceu esta explotación e chamouna “orden social”. Aí é onde prenderon as insatisfaccións, os soños de independencia.

Esta independencia da muller creadora é problemática. Non saen ben os números. A soidade é moi cara. Pérdense moitas tardes para formar un mundo, e sempre hai débedas. O tempo da escrita destrúe todas as horas, tantos días. Déixanos na indixencia e logo sempre hai que facer outra cousa. Algo que nos manteña en pé. A vida é traballo, o éxito é esgotador e non hai nada que fique fóra desta nora na que xiramos para non perder o sentido do acontecemento. As miradas das mulleres dos tempos pasados nos empurran porque nós podemos acadalo. Polo menos liberar o corpo da súa escravitude de séculos. Pechouse o escenario das promesas románticas, que sempre resultaron tan dubidosas.

De certo facer este camiño non ía ser doado. Ninguén quere axudar a unha muller que traballa soa. Mesmo hai unha sospeita de insubordinación. Por iso ela vive nunha falsa existencia, porque son os soños os que están a tecer esta economía subxectiva, inmaterial, da muller poeta.

Sintonía nacida

Chairas sucesións, de Oriana Méndez (Chan da pólvora, 2023) é un exercicio de revelación poética que nos achega uns apuntamentos sobre a creación do mundo, a súa invención a través da palabra dos namorados, esa sucesión de chairas, multiplicación de xeografías, espazo que habita o tempo, presente incesante, o intre no que se nomean todas as cousas.

O poema é parte do oficio de crear un mundo, esta linguaxe xorde dunha relación, dunha correspondencia entre dous seres que falan, que habitan o momento da creación. A xeografía é a linguaxe, territorio que xorde do verbo, do esforzo por imaxinar todas as cousas, as coordenadas do soño e as que non existen. Un mundo revélase, acontece ao ditado da poeta. Un planeta vivo na palabra.

O acto de crear un mundo é unha continuación do pensamento, os espazos xorden de certas ideas, soños, movementos do espírito nos que abrolla a lingua, a intuición de amor que move o mundo. No epílogo, “Despois das chairas, unha cerdeira / buscarás a chave / buscarás a vida”, falásenos dese “mesmo puro esqueleto do pensamento” que “debuxa” (…) “a liña dun horizonte, ese mapa en sucesións, chairas propiamente”.

Non é senón a fundación do relato, a xénese, dúas voces en dubidosa harmonía, este horizonte no que caemos dende máis altos territorios, o Paraíso. Esta caída que se articula en palabra namorada que transita os mundos, prende a lareira, que é como cabalos que foxen cara a outra realidade.

Esta creación dun mundo parte dunha conciencia, unha subxectividade que dialoga, que ama, un corazón do que xorden os espazos infinitos, este froito da cerdeira do Paraíso (para a poeta a árbore da vida foi certamente unha cerdeira), este territorio. Es ti, lector(a), o centro do amor, a chave do labirinto. Este é o alento das orixes, a cifra do poema, o que quedou dito e o que foi creado, o que foi imaxinado e logo simplemente aconteceu, como acontecen os versos, as xeografías. A imaxe reside na mirada, o ollo é o lugar exacto da creación.

Estes dous que crean unha linguaxe que crea un mundo de vez son Adán e Eva. O seu amor é traizoeiro, un “corazón inverso que se pronuncia / para o seu dentro”, a orixe da cantiga. Ela, Eva, está na intersección, partilla dun coñecemento único. O seu destino é habitar esta caída, este planeta (chairas, sucesións) que xorde como froito da árbore do xardín do Edén. É o pensamento o que crea os carreiros, as vereas, extensións de territorio. É tamén o corazón dos namorados o que imaxina todo o que existe. Esta apertura, este poder de creación é posible  porque os seres manteñen a memoria da súa habitación no Paraíso. Hai unha imaxinación namorada que é transcendente, na que acontece a xénese do infinito.

Esta xénese, esta “área matriz” que habita Eva, posuidora ela do “arco do arqueiro”, está marcada polo seu desexo e máis pola perda, pola discordancia que é o signo deste mundo caído. Os amantes divídense, extravíanse, e logo se volven reunir no territorio da linguaxe, da Imaxinación. Este é o seu “corazón-fábrica”, que produce unha “sintonía nacida”, un mundo que xermolou “nun estrondo da orde do máxico”. Mais “Quen goberna a convulsa mirada en movemento?” Todos os ollos están a repetir o seu nome.

O mapa e o espello

A ferida imaxinaria (Xerais, 2024) achega á literatura galega a temática do doppelgänger, o dobre misterioso, que aparece xa na mitoloxía e nos contos de fadas, e que foi collendo pulo a partir do romanticismo para acabar por prefigurar as teorizacións de C. G. Jung sobre a “sombra”, o aspecto inconsciente da personalidade, ás veces representada como serpe, monstro ou diaño. Nesta novela Berta Dávila busca unha linguaxe que se desdobre no recoñecemento da outra, de todas as posibilidades que ofrecen os espellos nos mapas.

A protagonista desta historia é unha muller nova que traballa escribindo artigos de clickbait para Internet. Cando morre o seu pai decide traer á casa dous peixes laranxas que lle fagan compaña e aos que chamará Cleo e Rob. A chegada dos peixes propicia o desenvolvemento dun proceso disociativo. De súpeto todo o seu mundo xira en torno ao floreiro dos peixes, que ela incuba coma se fose un niño. Esta dedicación absurda confírelle significado ás súas rutinas solitarias. Os dos dous peixes axiña amosan personalidades contrapostas. Cleo é o peixe dominante, e Rob, o “esmirrado”, convértese no favorito.

Doutra banda, Beatriz é a irmá maior dominante da protagonista. Este xogo de sombras estrutura toda a novela. Quizais a vida non é máis ca un crebacabezas de dúas pezas. As nosas decisións marcan o camiño. O si ou o non. A afirmación ou a negación de nós mesmas. Despois da morte do pai, cómpre arranxar e pór á venda a casa familiar de Soutelo, preto de Viveiro, tarefa que acabará asumindo Beatriz. A viaxe a Soutelo é o retorno á encrucillada das orixes, o lugar preciso en que desfacer o nobelo.

A casa de Soutelo representa o pasado reprimido, a orixe do conflito. Ao pouco tempo de enfermar, o pai percibira que a bisagra da porta principal rompera, pero xa non foi quen de arranxar a porta. O escenario fíxose propicio para as fugas das fillas. Beatriz, como descubriremos, sofre un desdobramento da súa personalidade. Non é só o feito da súa tendencia patolóxica á mentira, a fuxir nos escenarios das súas invencións. Ademais, na web asume a identidade dunha tarotista, Marián Rubí. A disociación é unha estratexia das experiencias post-traumáticas. “Algo espantoso” (é o título dun dos capítulos da novela) debeu (ou non) ocorrer. Quizais o silencio é a mellor esperanza. No caso da irmá máis nova, a súa tendencia é á fuxida en mundos da fantasía e da imaxinación. Beatriz, pola contra, é dalgún xeito máis consciente do poder da súa sombra, e converterase na irmá vingadora.

A relación entre a outra parella de irmás da novela non resulta igual de ben. Aquí produciuse unha ruptura entre as dúas. Mais mesmo desde a separación hai anécdotas que as vencellan. Quizais nalgures hai alguén sufrindo o mesmo conflito ca nós, escribindo as palabras do noso mesmo trauma. A nosa dobre pode estar aquí ou en calquera parte, xurdir de cada escenario, de cada traxedia na que nos reflectimos. Os camiños están a cruzarse en todos os tempos, a cada instante. Os mapas están habitados por unha multitude de espellos. Quizais todas as nosas experiencias son a mesma experiencia, as mesmas imaxes do mesmo dó, a mesma ferida que non se recoñece. A vida é unha novela cunha capacidade infinita de repetir os mesmos argumentos.

Marga, a irmá maior, é escultora, e vai pasar unha estadía nunha casa de cristal en Soutelo, unha xoia arquitectónica. Esta casa moderna e aberta á vexetación actúa como espello da vella casa familiar da outra parella de irmás. O dó desenvólvese entre catro paredes en espazos pechados, no entorno familiar, no acubillo da terra. A casa é a mesma fortaleza dos contos de terror góticos. Nese tempo da súa estadía Marga non parece facer grandes avances coa súa arte. Dalgún xeito, vese posuída pola sensación de enclaustramento e polas súas reflexións desacougantes sobre a propia situación familiar, o pai enfermo, a irmá que marchou. Cara ao final atopa a catarse na liberación dun ganso que os veciños tiñan encerrado nun cortello. Esta liberación é o que querería para ela mesma, fuxir do aborrecemento que sentiu na casa de cristal, desa escuridade dos soños acabados de nacer, das falsas promesas dos comezos novos, da carga xorda da culpa.

Paula, a irmá pequena, é o personaxe máis escuro da novela. Ela é quen decidiu romper con todo. Tamén foi a compañeira de piso da protagonista antes de gañar un premio nun concurso televisivo. As dúas parellas de irmás quedan así conectadas no infinito xogo de espellos. Paula instálase nun hotel para seguir a eclipse que se fai visible neses días desde Viveiro. Quizais esta eclipse é un mal agoiro. A lúa tamén é o dopplegänger do sol, a súa sombra que chegou para devoralo, como as dúas parellas de irmás a un tempo están a piques de devorar os pais. É así que a vida sucede como unha serie de efectos cuxas causas non recoñecemos. Quizais o único misterio é o tempo, a sucesión inexplicable de anécdotas que ninguén pon en marcha. Como afirma Marián Rubí, a outra identidade de Beatriz, non podemos facer plans cando estamos suxeitas aos designios. Mais probablemente a fuxida non será de todo posible. A liberación só durará uns instantes, o momento da eclipse. Ese mesmo día anunciado, Paula cae da súa bici nun arbusto e ve expirar o ganso que a súa irmá deixara ceibe na fin da súa estadía en Soutelo. Toda liberación é, quizais, produto da fantasía, unha ilusión óptica temporal e marabillosa coma unha eclipse total de sol. A felicidade non fora proxectada. Os fogares desaparecen dos mapas. Mais, decididamente, este vai ser o tempo delas. É quizais o momento de se instalaren na eclipse, nesa esperanza sen memoria.

Orixe e fin

Chus Pato, Sonora, Xerais, 2023.

Hai unha ética nos traballos da revelación. Sonora (Xerais, 2023), o novo libro de poesía de Chus Pato, estrutúrase en nove ondas, nove xerminacións da conciencia, “como alianzas ou aneis ou esferas de levitación”. Segundo a autora, cada circuíto separa dous mares. Hai unha interxección entre mundos posibles: as orixes arcaicas da humanidade, a posibilidade dunha migración cara a outro acontecer. O destino da especie xorde como interrogante, como motor da palabra. As rupturas na linguaxe abren un suco de significacións. As historias mestúranse coas lembranzas, o pesadelo da morte xorde como promesa de que é posible traspasarmos os nosos contornos. Este é un poemario escrito no bordo da historia que olla para os comezos, que se proxecta no infinito.

É así que a primeira onda, “Talismán”, abonda na presentación de espazos liminares, portas de entrada, os lindes entre os mundos. Existimos no bordo, somos guiados nun percorrido iniciático. A vibración da Creación trasládase ao poder da palabra para reproducir o son, para consumar a transcendencia. Contemplamos o cervo, a máquina. Habitamos esa interxección, o espazo exacto da apocalipse.

A sonoridade da palabra é esa vibración do mundo que nos vai acompañar en cada novo inicio, nesa mesma xénese da primeira onda, o Big Bang, tamén abofé, un mundo novo. Isto que se estende desde a orixe dos tempos é o verbo, a morte. Unha herdanza de séculos, podremia, a fin e o principio. A lembranza do verso, o esquecemento de todo o que existiu. A esperanza, un latexo, a palabra como manifestación sonora do espírito.

A poeta xestiona este acontecer, descobre o lugar exacto das imaxes na Historia. Esta é unha poesía visionaria. Hai intuicións, imaxes interrompidas, rastros de historias, profecías que fican autocumpridas no momento da lectura. Asistimos á revelación dunha estética, dunha teoría profética. Cada unha de nós é esa persoa elixida, a musa que acaba por se fundir coa poeta. Todas camiñamos entre as sombras, alimentándonos de osíxeno, de luz, de gramática. Estableceuse unha ecuación perfecta, o diámetro da primeira onda produce o encaixe entre os mundos, esa fluidez entre mares distintos, irreconciliables.

Neste bordo da historia habitamos o punto de contacto, a intersección. O espazo da lenda posúe as feituras dun mundo arcaico que se vai proxectar no futuro. A desecación da lagoa da Antela ocorreu no ano de nacemento da autora. Esa é a Zona do Stalker na película de Tarkovski, un territorio devastado, unha porta de entrada ao futuro. Esta é a escrita da rebelión, a palabra que agocha o secreto.

Velaquí a importancia do signo, desta viaxe que iniciamos en tempos convulsos. Esta civilización, este ventre, esta cultura, a transitar no cosmos. Agardamos polas mensaxes, pola memoria que nos devolverá ás orixes, o niño do tempo por vir. Pasado e futuro converxen nesta primeira onda de ondas, o espazo da profecía. Os mortos teñen a súa relevancia nesta concepción da converxencia dos mundos. Son esenciais para a comprensión da linguaxe que nos é dada, a xeometría da Creación, a descuberta dos mapas. O poema recolle este coñecemento, ofrécese como enigma, como propósito de fe.

A Historia era este círculo. Caemos nas orixes, recobramos a memoria das simias, emprendemos a viaxe con novos folgos. Galicia é o circuíto, o obxecto do poema é descifrar a terra, os restos da experiencia. Trasladaremos esta mesma terra, os nosos ósos, a un mundo novo. Facemos enxertos, tentamos preservar o esencial: “Un fémur de voz corre a galope”.

A poeta proxéctase na musa. Quere aproximarse a L., quere afastarse. Os diferentes planos da realidade insírense na folla de papel. Hai unha vida que se soñou, que se intúe na escrita. É o relato do misterio. A escrita aparece como acto do pensamento. A palabra a construírse como feito da natureza, non como discurso, senón coma palabra viva, verbo. Esta é a linguaxe dos soños, das imaxes incomprensibles. Cómpre traducir un mundo tan certo coma invisible. A poeta é a mensaxeira, a filla de Mercurio. O texto é un xeroglífico, un pergameo iluminado. Galicia é o espazo da profecía, unha xeografía iniciática, principio e fin de todos os mundos, porta do alén.

Dáse unha familiaridade entre a lingua e a exhalación inefable da terra. A mensaxe que procede da xeoloxía, da vida soterrada, das múltiples formas do creado, como un todo orgánico, verbo e materia. Porque “a terra é a mente”, a poesía xorde dun tremor, dunha raiceira, dun alento ancestral que emana das orixes, un rastro de memoria, a exactitude da vibración sonora que sostén o mundo.

Esa é a “rocha lingüística”, a residencia do verbo, o lugar da existencia. Esta linguaxe abrollou desde o escuro, existe por si mesma, é a forza intelixible da Creación. O poema reproduce este coñecemento que se filtra, que atravesa os mundos. Na lectura adquirimos a memoria de feitos imposibles e certos, o destino da especie.

Cando chegamos ao noveno e derradeiro círculo visitamos o espazo da experiencia persoal. Esta autobiografía escribiuse do revés, desde o soño, ollando a morte, (o sangue tórnase negro, de certo, morremos), caendo na fin do mundo, na memoria da nenez, de todas as albas posibles, o que xa para sempre foi borrado da existencia. A vida mesma perdeuse, o soño ficou escrito con cinza, co alento da podremia, este é o verdor, a biografía que non chegou a ser, a completarse. Os soños non se realizaron. Só perdurou o signo, só fica a visión.

A muller (homo sapiens femia) é a chave que conecta os mundos. Seu é o cerebro que percibe a beleza, a significación. Faise herdeira de todo o creado: nai, filla, esposa, defunta, deusa. Poeta. Son as deusas as que están na orixe do poema.

O relato de rexeitamento

Berta Dávila, Os seres queridos, Xerais, 2022

No Preámbulo de Os seres queridos (Xerais, 2022) hai unha exposición do argumento dunha novela malograda sobre a maternidade e o duelo. Trataba dunha nai que acababa de perder o seu fillo e se mudaba coa súa avoa, unha muller que sufría demencia. Porén, esta novela de ficción non resultou. Así, Berta Dávila confesounos a súa propia crise creativa, o seu intento de rexeitar a escrita de autoficción. Este libro que temos nas mans non o quería escribir. Acabou por sentir vergoña e temor de falar sobre si mesma. Mais o libro acabou por existir e Os seres queridos é o mellor libro de autoficción na lingua galega.  

Despois deste exercicio metaliterario no que es expoñen as propias vacilacións fronte á escrita que se vai acometer, o relato do eu acaba por se impoñer en Os seres queridos. Nesta historia destaca sen dúbida o concepto da maternidade como violencia, non só debido aos efectos que provoca nos corpos das mulleres, senón tamén polo feito das censuras sociais. A narradora adquire unha sospeita sobre todo o que está vivo. A esterilidade convértese nunha promesa de repouso.

Pode existir unha alternativa, a simple renuncia. A narradora vai escribir o relato do rexeitamento do segundo fillo. E con esta mesma vehemencia por negar todas as cousas, o seu propio proxecto de escrita de autoficción esgótase, e xa non vai volver escribir sobre si mesma. Isto é o que ocorre en A ferida imaxinaria, o primeiro proxecto puramente de ficción de Berta Dávila que vén de publicarse neste ano.

As casas que non existen

Berta Dávila, Illa Decepción, Editorial Galaxia, 2020

Illa Decepción é unha novela sobre a necesidade de pensar as casas nas que vivimos. A súa estrutura dual dividida en dous narracións independentes reflicte ese interese por contrastar cada fragmento da realidade co seu espello. Quizais esa mesma realidade que cremos habitar está poboada polos soños. “Algunhas casas” comeza coa procura da casa da infancia en Santiago, a casa do pai. Hai unha casa na que todo comeza e todo acaba, un espazo sagrado. A narradora ten a teima de revisitar a súa propia historia. A partir desta narración xorde o protagonismo da casa dos avós na praia no seu imaxinario. Non queda tanto tempo, quizais, para explicarse as cousas.

Nas costuras da novela incial, “Algunhas casas”, xorde un relato paralelo, o seu dobre narrativo, “Illa Decepción”, onde esta mesma narradora se proxecta nun escenario virtual, a illa do videoxogo Beautiful Island, onde haberá de construír unha casa propia. Están as casas da memoria, está tamén esta nova casa nunha realidade alternativa. Habitamos espazos que non existen, que se perderon noutra dimensión do tempo, que fican instalados na imaxinación. Memoria e imaxinación son, así, os eixos fundamentais da novela.

Esta estrutura narrativa simétrica préstase á articulación dun interrogante ontolóxico. Se a realidade é un tecido, e este tecido pode pregarse como un pano da mesa, é posible atopar o noso espello nun outro espazo-tempo remoto. Velaquí o misterio do dobre que fascina á autora. A revelación de afinidades nunca imaxinadas. Toda manifestación no espello é unha revelación. Esta mecánica do real pola que se manifestan simetrías e correlacións entre cousas dispares constitúe unha linguaxe única. Esta é a linguaxe do universo, o pergameo cuántico da Historia.

O xogo da novela consiste nesta contraposición entre instantes diferentes da escrita. Os capítulos de “Illa Decepción” foron escritos durante o confinamento. O mundo no que se interesa a narradora é virtual, en contraste co estudo da memoria das casas nas que viviu. O feixe de postais atopadas en Marsella posibilitan pensar unha nova dimensión das casas, a do soño e a imaxinación. Quizais sempre estivemos a habitar as mesmas casas que non existen.

A lóxica da beleza

Berta Dávila, Carrusel, Editorial Galaxia, 2019

Carrusel é a primeira novela de autoficción de Berta Dávila, un relato da progresión dunha muller ao longo da experiencia da enfermidade mental e da perda dun embrión. A escrita é, pois, un xeito de ensaiar maneiras de existir no mundo. De domealo. Esta autorrepresentación é o signo da existencia. Fóra da palabra non somos máis ca unha sombra, unha posibilidade que non se cumpriu. Escribir é quizais tamén desprenderse das historias superfluas que esborranchan o destino. O significado está nos detalles, nesa matemática do real onde as series numéricas conectan facendo unha serie de liñas recta que nos proxectan ao infinito.

Nesta escrita dunha mesma, as labores do espírito expándense. Precisamos pescudar o significado exacto das cousas, dos obxectos anódinos que nos arrodean no percorrido misterioso das nosas vidas. Hai unha ciencia exacta detrás de cada acontecer, eses son os elementos da novela. A escrita apréciase como xogo, rito iniciático, compás do porvir que atravesa as nosas xeografías, os nosos medos e máis os soños. En Carrusel asistimos ao estabelecemento dunha poética, dunha teoría da novela, dos principios da escrita de Berta Dávila.

Aparece unha conciencia da percepción como ferramenta que atravesa a realidade para desvelar as súas imposturas. É necesario facer un exercicio de estrañamento, pescudar esas leis non escritas que explican a mecánica dos corpos. Hai unha liña recta que nos conecta co noso pasado. É tamén o percorrido do destino, unha viaxe ineludible. A escrita amosa unha vontade de superar as aparencias e achegar o ollo ao envés intelixible da Creación, a esa matemática perfecta na que se fundamentan todas as cousas. As caixas de música reflicten esa idea de perfección, a dedicación e o encanto da bailarina, as matemáticas da circunferencia, quizais o número cero, o ermo, o instante de silencio absoluto que precede á palabra, o nomeamento de todas as cousas que nos importaron.

Nas novelas de autoficción, a mirada artéllase en base a unha intelixencia dual. Dunha banda, a vontade de traspasar a fina lámina da realidade, de adquirir un coñecemento do mundo. Doutra, unha dedicación á indagación nunha mesma. O encanto de xirar no carrusel, de progresar nesa espiral da existencia, a intuición de todas as orixes, dos finais, a satisfacción de saberse perdida, de aceptar esa destrución do ser, esa liberdade, a caída nas portas do Paraíso.

A crise nun vencello que se considera vital para a existencia, neste caso a relación co tío Carlos, ou a ameaza desa rotura, da deformación das memorias atesouradas daqueles escenarios que nos marcaron, esa é a rompente do trastorno. A experiencia da infancia no carrusel é o escenario do soño, ese carrusel que se converterá en metáfora da experiencia do mundo, dese esforzo por acadar a comprensión de todas as cousas, tamén das roturas nas vidas que quixemos. Esas perdas, esas ausencias, están na orixe da enfermidade, do dano que se transmitiu no ADN, esa aparición do cabalo negro do carrusel, o rastro da maldición, o círculo infinito, a repetirse.

Ese circuíto infinito que é a marca da enfermidade é tamén o sinal da graza. A necesidade de repetir os propios rituais, de afondar nas obsesións, de comprender a orde no mundo. Esa enerxía do mercurio, o elemento desta autoficción, ese esforzo por comunicar os rastros incomunicables da experiencia, é o signo do xenio de Berta Dávila como escritora. Porque todo está na escrita: o soño e máis a súa tradución simbólica, a palabra que é xerada nese eixo, na roda dos tempos, na cruz do pensamento. A escrita é esa vontade de conectar os tempos da existencia, de recuperar o que se perdeu no quebrantamento da conciencia.

Houbo experiencias que explicaron o futuro, é preciso atopalas, mergullarse na memoria, nos fragmentos interrompidos do significado. Vivimos nun tempo que non se explica a si mesmo. Esa é a tarefa da literatura, da arte: a narración dun presente complicado. A vida empeza a ser entendida como xogo, como crebacabezas, como neurose. Escribir novelas é a única ocupación posible. A Historia rematou, e todo o que fica son os anacos, as instantáneas dunha paixón recobrada, o intre da transfiguración.

O carrusel é ese ensimesmamento transcendente, ese entresoño polo que comprendemos o pasado e o futuro, a revelación da vida a escribirse nun presente infinito, todos os designios a facerse aparentes no momento do seu cumprimento. A literatura recolle esa mesma experiencia a repetirse na circunferencia, na fronteira precisa entre o que ficou e o que xa non está. Esa é talvez a ensinanza do mercurio, a comprensión das dobraduras do espazo-tempo, das recorrencias, da serie infinita de transformacións que están na orixe do mundo, a matemática precisa das historias, o noso encaixe na fábula da Creación.

A escrita é para Berta Dávila a mecánica do ser, o código que transcribe as matemáticas da existencia. A palabra permítenos habitar o mundo, poñer orde, apañar o lume do entendemento e proxectalo na literatura, nesta vida escrita, a vida que é vivida no seu relato, nesta autoficción que revela e agocha a experiencia da escritora, que nos descobre a nosoutras mesmas sen traizoar o segredo.

O fogar é ese lugar onde avellentamos, onde fuximos de todo salvo da comprensión de nós mesmas, da capacidade de nos redimir simplemente quedando quedas, sempre a xirar nun mesmo carrusel, o tren que non se colleu, que marchou porque precisabamos despedirnos da novidade, deixar marchar o tempo, renunciar a todas as cousas e ficar en soidade dando voltas na mesma casa en cada estación, na estación da paixón e na estación do dó e da preparación para a morte.

Os códigos da revelación

Daniel Salgado, Os paxaros e outros poemas, Xerais, 2021.

Os paxaros (o merlo, o pardal, os corvos, a lavandeira) asisten ao devir do mundo, eles habitan este mesmo vento que nos trouxo a este bordo da historia, a esta conclusión incomprensible. Facemos unha indagación sobre a estratexia da revolta, ese silencio que agocha unha resistencia íntima ante o abismo, o poder da vacilación, a esperanza dos derrotados, os sinais que debulla o voo dos corvos, a chamada dun novo reino.

Este limiar prepáranos para pousar nun interrogante, que se estenderá ao longo de todo o libro, sobre a mecánica de todas as cousas. Aquí, neste outono máis cruel ca outros, estamos no momento propicio, o novelo desanoouse. Comezamos os exercicios da intuición, xogamos ás adiviñanzas, emprendemos a escrita do poema.

Camiñamos no antropoceno. Cales son os motivos desta clausura do mundo? Hai unha verdade histórica: o anuncio da fin. As palabras ofrecen as súas resistencias ao significado. O avance dos séculos derrotou as nosas expectativas. Afortunadamente, estamos afeitos a nos perder na primavera. Hai unha crueldade nos froitos da Creación, na perfección do tomate, na redondez da laranxa, obxectos de luz satisfeita de si mesma, testemuñas da obediencia a todo o que existe. Iso é así. Mais algunha noite habemos ler o anverso destes poemas cos ollos pechados. Atopamos anotacións, relatos, biografías que se agochan nos labirintos prohibidos, referentes que insinúan as traxectorias da mente. Contemplamos a constelación que rexe os destinos neste novo milenio, neste oeste imaxinado entre milleiros de países posibles, un poeta que quere pensar o mundo no intre derradeiro, que fai “a crónica da derrota das nacións”. Copiamos uns versos no bordo deste pergameo bíblico, rexistraremos as revelacións seguindo a exactitude dos sinais, respectando o segredo. Nomearemos un mundo sen palabras, debullaremos símbolos visionarios, recobraremos a lucidez que se perdeu nos bombardeos.

Fuximos desta vitoria anunciada, ansiámola. Desfacemos os camiños para nos perder. Pero sempre retornamos ao mesmo abismo, a encrucillada dos mundos, o coñecemento e a paciencia perante os desatinos da Creación, esa luz que nos fai dano, que nos cura, esa luz na que se condensa o espírito da Historia, a súa violencia. Velaí os antecedentes da revolta, a necesidade da organización colectiva, o suspiro da liberdade, unha melancolía propia dos oprimidos, unha oración, a friaxe dun novo amencer, de todas as orixes de todos os mundos posibles.

Hai unha complicidade que se instala na lectura destes poemas, unha vontade de camiñarmos xuntos seguindo esa mesma traxectoria indómita, o voo dos corvos unha vez máis a marcar o territorio, cara as torres. Non queremos marchar dos espazos da desolación, a lembranza da terra a piques de se consumir, un feixe de parroquias en Lugo baixo a néboa, talvez un soño.

A profecía é certa. O lume desta des-existencia, os carreiros ocultos da utopía, a revelación das posibilidades que fican agochadas pero que son comprendidas polos poetas novos.

Galicia no cadro

Antía Otero, Barroco, Apiario, 2022.

Barroco (Apiario, 2022), de Antía Otero, é un poemario alquímico que elabora a linguaxe no límite da emoción, á procura da divindade. Sérvese das imaxes do Barroco para transcendelas nun espazo de luz, para reproducir a nudez dos obxectos que compoñen as súas naturezas mortas. Nesta encrucillada atopamos varias liñas temáticas: a chegada do Reino; a aldea galaica, as tramas familiares; as coordenadas autobiográficas; o problema da representación na arte.

Barroco ábrese co canto da cotovía e péchase co “concerto dos pardais” á primeira hora da mañá. Hai unha ollada utópica que busca sempre a luz. Preparámonos para a chegada dun novo Reino que xa foi contado. Un acontecemento difícil de imaxinar, baseado en mentiras, unha paixón que esmoreceu, que agarda nos retratos. A mágoa de nos perder na friaxe, de non chegar a ningures; cada mes, cada estación, unha esperanza doce nos camiños perdidos das páxinas dun conto. Asistimos á representación da lei do mundo. Recuperamos os sentidos.

Os poemas da serie “Vanitas” reproducen os trazos no presente do soño deste imperio, un pensamento que se acende no escuro, sen testemuñas. A poesía abrolla nunha folla de papel onde deitamos as faragullas douradas da experiencia, unha composición barroca da existencia. O lenzo, o papel, “o rastro dun mundo”. Habitamos a decadencia do presente, unha natureza morta; confiamos en saír do cadro, descubrir o real. A poesía despóxase dos adornos, as novas superfluas, os vellos contos, esténdese buscando a luz da ventá que se proxecta no cadro. O silencio de Deus perante todas as cousas, simples anécdotas. Non imos aceptar a Historia, esa preciosa acumulación de materia e po. 

“Apoteose” escenifica o drama da vida na aldea. Os cadros que penduran das paredes soportan a traxedia. Hai unha beizón en cada culpa, os xestos rituais da morte, a perda dunha mesma e a redención nos outros; os códigos do clan, unha herdanza de mil séculos. A casa, os ritmos naturais das leiras apréndennos a abundancia e a renuncia da alquimia dun mundo vibrante. A sega e o gando reprodúcense no cadro, nunha composición estoica. Hai unha lóxica que se aprende no escuro, na luz poeirenta dunha cociña branca de aldea. Os séculos non explicados, a medida exacta das cousas, o ovo, a fariña, o coitelo, o ritual que nos protexe sen palabras, o gozo exclusivo da salvación.

A poesía tamén son os sinais da nosa experiencia, as viaxes, as celebracións recreadas nas “Paisaxes Históricas”. O relato autobiográfico describe unhas paisaxes que foron recoñecidas dúas veces: no momento vivido e no intre da eternidade. O presente que nos visita. O poema a crecer no punto exacto da melancolía do futuro. Hai unha fe nos ciclos da natureza, a resistencia da vida salvaxe, os seus silencios, unha linguaxe de feitos, de visións. O secreto da paisaxe está na mirada, que quere pousar no movemento, a sucesión das xeracións, a consumación do ser no poñente e máis no azul do Levante, o significado da propia infancia, un presente eterno e rematado, perfecto mesmo na súa inconsciencia ou vaidade.

O segredo da “Écfrase” é a persistencia da mirada. Asomámonos ao mundo, observamos a xénese das historias, incesantemente. Neste misterio está a orixe do poema, a salvación representada no sacrificio do año, a repetición do ritual da creatividade, dun proceso de milenios. Recoñecemos a verdade dos lenzos: as letras codifican os sinais, os camiños do conto, a repetición da historia que se anuncia no cadro. A poesía é memoria, unha alquimia renovada, o relato suprimido entre as imaxes.

Hai unha paisaxe que medra no lenzo, o retrato dun espazo salvaxe que nos pertenceu como o poema non nos pertence. Hai unha nostalxia do que non se puido escribir. Hai unha fame das cousas que non teñen nome.

Fuximos do mundo; a trama da existencia escápasenos. Coma Tognina, perdemos o soño de nós mesmas, prendemos da escritura, da folla de papel, a visión íntima da vida a bulir nun oco da Creación. Negociamos o recoñecemento das cousas; esa comprensión do que non se ve, esa experiencia privada.

Somos furtivas do ser, creadoras nun tempo que non existiu.

(Esta recensión apareceu no número 238 da revista GRIAL).

O soño dunha Galicia dona de seu

Malores Villanueva Gesteira, Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, Galaxia Editorial, 2022.

O soño dunha Galicia dona de seu inspirou o traballo intelectual de Francisco Fernández del Riego ao longo da súa dilatada traxectoria, de xeito que estudar a súa biografía é poñerse en contacto coas forzas vivas da historia da cultura galega ao longo do século XX. Malores Villanueva o visitou habitualmente na súa derradeira etapa para rescatar os fíos que compoñían a súa memoria, para que puidera facer o legado do seu testemuño.

Son moitas as imaxes desta biografía que quedarán por sempre fixadas na conciencia de Galicia. Podemos ver a Paco na súa mocidade lendo á luz dunha candea nos Escolapios de Monforte. O belén en Lourenzá polo Nadal, as panxoliñas. O espertar a Galicia no seu ano de estudos en Madrid ao tempo que se proclamaba a República. O primeiro 25 de xullo no balcón de Lourenzá. As primeiras conferencias: Pardo de Cela, Prisciliano, os mártires de Carral. A teima pola galeguización da USC. O Seminario de Estudos Galegos. O Partido Galeguista. As xuntanzas no café Derby. A Imprenta Nós. Os mitins para espallar o proxecto do Estatuto diante de miles de labradores. Ultreya: o tríscele vermello. A Federación de Mocedades Galeguistas. Galeuzca. A vitoria do Estatuto no plebiscito o 28 de xuño. O alzamento e o asasinato de Ánxel Casal e Alexandre Bóveda. O diario da guerra.

Vigo. Axiña, a reconstrución do Partido Galeguista na clandestinidade. A maleta coa documentación galeguista que tivo que enterrar nunha horta.  O regreso ao xornalismo, as primeiras columnas en galego. A asamblea fundacional da editorial Galaxia. O primeiro número da revista Grial. A creación da colección Salnés de poesía. A recuperación de Álvaro Cunqueiro. O traballo a prol da unificación ortográfica do galego.

Tamén recordamos a recolleita de terra da beiramar en Coruxo e de terra de Trasalba coa que soterrar a Castelao e o emotivo discurso no cemiterio de Chacarita en 1954. A reconquista da Real Academia Galega polos galeguistas e a proposta do Día das Letras Galegas que hoxe celebramos.

Ficamos co traballo infatigable de Del Riego para fortalecer este segundo rexurdimento que tivo lugar dende o exilio interior.