As casas que non existen

Berta Dávila, Illa Decepción, Editorial Galaxia, 2020

Illa Decepción é unha novela sobre a necesidade de pensar as casas nas que vivimos. A súa estrutura dual dividida en dous narracións independentes reflicte ese interese por contrastar cada fragmento da realidade co seu espello. Quizais esa mesma realidade que cremos habitar está poboada polos soños. “Algunhas casas” comeza coa procura da casa da infancia en Santiago, a casa do pai. Hai unha casa na que todo comeza e todo acaba, un espazo sagrado. A narradora ten a teima de revisitar a súa propia historia. A partir desta narración xorde o protagonismo da casa dos avós na praia no seu imaxinario. Non queda tanto tempo, quizais, para explicarse as cousas.

Nas costuras da novela incial, “Algunhas casas”, xorde un relato paralelo, o seu dobre narrativo, “Illa Decepción”, onde esta mesma narradora se proxecta nun escenario virtual, a illa do videoxogo Beautiful Island, onde haberá de construír unha casa propia. Están as casas da memoria, está tamén esta nova casa nunha realidade alternativa. Habitamos espazos que non existen, que se perderon noutra dimensión do tempo, que fican instalados na imaxinación. Memoria e imaxinación son, así, os eixos fundamentais da novela.

Esta estrutura narrativa simétrica préstase á articulación dun interrogante ontolóxico. Se a realidade é un tecido, e este tecido pode pregarse como un pano da mesa, é posible atopar o noso espello nun outro espazo-tempo remoto. Velaquí o misterio do dobre que fascina á autora. A revelación de afinidades nunca imaxinadas. Toda manifestación no espello é unha revelación. Esta mecánica do real pola que se manifestan simetrías e correlacións entre cousas dispares constitúe unha linguaxe única. Esta é a linguaxe do universo, o pergameo cuántico da Historia.

O xogo da novela consiste nesta contraposición entre instantes diferentes da escrita. Os capítulos de “Illa Decepción” foron escritos durante o confinamento. O mundo no que se interesa a narradora é virtual, en contraste co estudo da memoria das casas nas que viviu. O feixe de postais atopadas en Marsella posibilitan pensar unha nova dimensión das casas, a do soño e a imaxinación. Quizais sempre estivemos a habitar as mesmas casas que non existen.

Autor: Lorena Porto

Profesora de inglés. Libros y traducción literaria.

Deja un comentario