
O propósito de Joyce con Dublineses, cuxo primeiro manuscrito foi entregado en 1905, pero que non sairía do prelo ata 1914, era representar o que el mesmo describiu como un “capítulo moral” na historia de Irlanda, amosar Dublín como o centro da parálise que impedía a progresión dos irlandeses. Para acadar isto, a serie de relatos incluídos no libro intégranse nun deseño unificado. As historias dedícanse á representación de personaxes que van desde a infancia á madurez, e desde a vida privada á vida pública. Cada unha delas reflicte un fracaso moral, o progreso é dexenerativo. Así aparecen representados os sete pecados capitais, ademais da ausencia de virtudes, culminando con “Os mortos,” a célebre historia que reflicte esa intimidade coa corrupción da vida que Joyce albiscou cando viviu entre as ruínas de Roma.
Joyce empregou unha minuciosa técnica realista herdada de Ibsen co obxecto de retratar os escenarios da decadencia moral pequeno-burguesa no cambio de século. A orixinalidade de Joyce está na súa crítica da devastación espiritual do colonialismo, da relación entre a miseria moral dos dublineses e a subordinación de Irlanda á elite protestante do imperio. A cultura de Irlanda vese asoballada pola imposición do materialismo inglés e diminuída pola decadencia do catolicismo, a ruindade dun sistema moral que se esboroa. Ademais, Joyce contempla o desenvolvemento do nacionalismo cultural do Rexurdimento Literario Irlandés cunha fonda desconfianza. O exilio e a fuxida cara o este, o oriente salvífico, aparece como a única oportunidade de renovación espiritual.
En ‘Os mortos’ o afouto Gabriel Conroy chega a coñecer, ao final dunha celebración de Nadal, que a súa muller Gretta viviu de nova un gran amor nas terras do Oeste, que recibiu o aprecio de Michael Furey, un rapaz que deu a vida por ela, e este coñecemento provoca a epifanía, esa revelación dun aspecto transcendente da existencia, na que se reflicte a desilusión de Gabriel con todos os cativos aspectos da súa vida presente. O seu destino é viaxar ao Oeste, restituír o vencello de Gretta co pasado, consumar, despois da peregrinación inversa de todo o libro, a súa desintegración.