O soño dunha Galicia dona de seu

Malores Villanueva Gesteira, Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, Galaxia Editorial, 2022.

O soño dunha Galicia dona de seu inspirou o traballo intelectual de Francisco Fernández del Riego ao longo da súa dilatada traxectoria, de xeito que estudar a súa biografía é poñerse en contacto coas forzas vivas da historia da cultura galega ao longo do século XX. Malores Villanueva o visitou habitualmente na súa derradeira etapa para rescatar os fíos que compoñían a súa memoria, para que puidera facer o legado do seu testemuño.

Son moitas as imaxes desta biografía que quedarán por sempre fixadas na conciencia de Galicia. Podemos ver a Paco na súa mocidade lendo á luz dunha candea nos Escolapios de Monforte. O belén en Lourenzá polo Nadal, as panxoliñas. O espertar a Galicia no seu ano de estudos en Madrid ao tempo que se proclamaba a República. O primeiro 25 de xullo no balcón de Lourenzá. As primeiras conferencias: Pardo de Cela, Prisciliano, os mártires de Carral. A teima pola galeguización da USC. O Seminario de Estudos Galegos. O Partido Galeguista. As xuntanzas no café Derby. A Imprenta Nós. Os mitins para espallar o proxecto do Estatuto diante de miles de labradores. Ultreya: o tríscele vermello. A Federación de Mocedades Galeguistas. Galeuzca. A vitoria do Estatuto no plebiscito o 28 de xuño. O alzamento e o asasinato de Ánxel Casal e Alexandre Bóveda. O diario da guerra.

Vigo. Axiña, a reconstrución do Partido Galeguista na clandestinidade. A maleta coa documentación galeguista que tivo que enterrar nunha horta.  O regreso ao xornalismo, as primeiras columnas en galego. A asamblea fundacional da editorial Galaxia. O primeiro número da revista Grial. A creación da colección Salnés de poesía. A recuperación de Álvaro Cunqueiro. O traballo a prol da unificación ortográfica do galego.

Tamén recordamos a recolleita de terra da beiramar en Coruxo e de terra de Trasalba coa que soterrar a Castelao e o emotivo discurso no cemiterio de Chacarita en 1954. A reconquista da Real Academia Galega polos galeguistas e a proposta do Día das Letras Galegas que hoxe celebramos.

Ficamos co traballo infatigable de Del Riego para fortalecer este segundo rexurdimento que tivo lugar dende o exilio interior.