Esperanza sen historia

Ismael Ramos, A parte fácil, Xerais, 2023.

En A parte fácil (Xerais, 2023), Ismael Ramos dá continuidade á estética que xa adiantou nos seus libros de poemas: o relato da mocidade, dos seus silencios.

O mundo agocha os nomes dos elixidos, as vilas derrubadas, un sistema que muda os nosos rostros, que nos contaxia o espanto. Avanzamos nos camiños torcidos, somos a promesa da salvación que ninguén recoñeceu. A luz no fondo dourado do encoro é a testemuña da nosa visión, da nosa esperanza sen historia. Ás veces atopamos un camiño que habemos recorrer soas para non nos esquecer de nós mesmas. Só a realidade nos salva, quizais tamén a soidade, o compromiso.

Atopamos o retrato de seres que habitan no límite de si mesmos. A nosa debilidade interfire no desenvolvemento do mundo. Agochamos a culpa e o fracaso. Os plans mudan. É a nosa ausencia de realidade o que está en xogo. Que se pode agardar de quen perdeu o desexo? Quizais soamente o recoñecemento do absurdo, da vaidade da historia, de todos os propósitos. Somos fillos dunha vontade que retorce os destinos, que nos esmagalla, que non admite o laído da fraxilidade dos corpos.

As personaxes destas historias levan vidas desencaixadas, habitan no bordo de espazos baleirados, sen a convicción do destino. Hai un compromiso, talvez un segredo, un vencello ancestral, un ideal case esquecido. Ás veces a supervivencia supón un esforzo que esborralla os horizontes. Cómpre recordar quen somos, de onde vimos, mais as problemáticas da modernidade suprimen todo relato. Os sinais se manifestan dubitativamente e desaparecen. A vida é unha ameaza, a liberación dun poder inmenso para facer dano. Somos animais feridos, o noso destino é a morte. Entrementres ensaiamos a existencia, encadeamos episodios na novela da derrota, dunhas vidas precarias, desposuídas, perdidas de si mesmas.

Ficamos co consolo de pequenos instantes de repouso e acubillo do ser no medio do derrubamento do mundo.

Autor: Lorena Porto

Profesora de inglés. Libros y traducción literaria.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: