
“Sempre estaremos xuntas, verdade, Constance? Onde pode haber un lugar mellor ca este para nós? Quen nos quere, aí fóra? O mundo está cheo de xente horrible”.
A casa dos Blackwood está protexida polo feitizo, pola memoria dun crime nunca resolto. Rinoceronte Editora vén de publicar Sempre vivimos no castelo, unha das novelas máis populares de Shirley Jackson. Hai un mundo estraño a medrar máis alá do valo. Coñecemos os rituais de dúas irmás para se protexer da crueldade da vila, para facer do seu fogar un castelo, para paralizar o discorrer da Historia. Constance, o tío Julian, Merricat e o seu gato Jonas viven illados na vella mansión. Só a chegada dun intruso pode romper o encantamento.
Seis anos atrás o resto da familia morreron envelenados. Sospéitase que alguén puxo arsénico no azucreiro. Constance foi absolta ante a lei, pero na conciencia da vila continúa a ser unha asasina. A súa irmá máis nova Merricat trata de protexela. A súa convivencia na illada mansión é preciosa. Constance encárgase de preparar pratos deliciosos. Merricat consuma os seus rituais no xardín. Enterra unha caixa con dólares de prata. Crava un libro nunha árbore do piñeiral. Repite para si mesma as súas palabras máxicas: MELODÍA, GLOUCESTER, PEGASO. Ninguén deberá romper o encantamento da vida illada de dúas irmás na súa mansión.
Un día de tormenta o curmán Charles Blackwood aparece coa vontade de dominalas. O feitizo está a piques de romper. Un intruso trouxo os cambios, a mudanza nos afectos. O corazón da casa deixa de latexar. Está a piques de se inaugurar o goberno do novo patriarca. Os ciclos da existencia ameazan con repetirse, esa absurda monotonía de facerse maior, a destrución da infancia feminina na súa eternidade perfecta. Merricat precisa practicar un lexítimo ritual de expulsión do novo patriarca. Hai que ser quen de preservar a fábula, os despoxos da propia herdanza, a maldición de dúas irmás para defender o seu mundo. Quizais todo o tempo estivemos a falar dunha pantasma.
