Orixe e fin

Chus Pato, Sonora, Xerais, 2023.

Hai unha ética nos traballos da revelación. Sonora (Xerais, 2023), o novo libro de poesía de Chus Pato, estrutúrase en nove ondas, nove xerminacións da conciencia, “como alianzas ou aneis ou esferas de levitación”. Segundo a autora, cada circuíto separa dous mares. Hai unha interxección entre mundos posibles: as orixes arcaicas da humanidade, a posibilidade dunha migración cara a outro acontecer. O destino da especie xorde como interrogante, como motor da palabra. As rupturas na linguaxe abren un suco de significacións. As historias mestúranse coas lembranzas, o pesadelo da morte xorde como promesa de que é posible traspasarmos os nosos contornos. Este é un poemario escrito no bordo da historia que olla para os comezos, que se proxecta no infinito.

É así que a primeira onda, “Talismán”, abonda na presentación de espazos liminares, portas de entrada, os lindes entre os mundos. Existimos no bordo, somos guiados nun percorrido iniciático. A vibración da Creación trasládase ao poder da palabra para reproducir o son, para consumar a transcendencia. Contemplamos o cervo, a máquina. Habitamos esa interxección, o espazo exacto da apocalipse.

A sonoridade da palabra é esa vibración do mundo que nos vai acompañar en cada novo inicio, nesa mesma xénese da primeira onda, o Big Bang, tamén abofé, un mundo novo. Isto que se estende desde a orixe dos tempos é o verbo, a morte. Unha herdanza de séculos, podremia, a fin e o principio. A lembranza do verso, o esquecemento de todo o que existiu. A esperanza, un latexo, a palabra como manifestación sonora do espírito.

A poeta xestiona este acontecer, descobre o lugar exacto das imaxes na Historia. Esta é unha poesía visionaria. Hai intuicións, imaxes interrompidas, rastros de historias, profecías que fican autocumpridas no momento da lectura. Asistimos á revelación dunha estética, dunha teoría profética. Cada unha de nós é esa persoa elixida, a musa que acaba por se fundir coa poeta. Todas camiñamos entre as sombras, alimentándonos de osíxeno, de luz, de gramática. Estableceuse unha ecuación perfecta, o diámetro da primeira onda produce o encaixe entre os mundos, esa fluidez entre mares distintos, irreconciliables.

Neste bordo da historia habitamos o punto de contacto, a intersección. O espazo da lenda posúe as feituras dun mundo arcaico que se vai proxectar no futuro. A desecación da lagoa da Antela ocorreu no ano de nacemento da autora. Esa é a Zona do Stalker na película de Tarkovski, un territorio devastado, unha porta de entrada ao futuro. Esta é a escrita da rebelión, a palabra que agocha o secreto.

Velaquí a importancia do signo, desta viaxe que iniciamos en tempos convulsos. Esta civilización, este ventre, esta cultura, a transitar no cosmos. Agardamos polas mensaxes, pola memoria que nos devolverá ás orixes, o niño do tempo por vir. Pasado e futuro converxen nesta primeira onda de ondas, o espazo da profecía. Os mortos teñen a súa relevancia nesta concepción da converxencia dos mundos. Son esenciais para a comprensión da linguaxe que nos é dada, a xeometría da Creación, a descuberta dos mapas. O poema recolle este coñecemento, ofrécese como enigma, como propósito de fe.

A Historia era este círculo. Caemos nas orixes, recobramos a memoria das simias, emprendemos a viaxe con novos folgos. Galicia é o circuíto, o obxecto do poema é descifrar a terra, os restos da experiencia. Trasladaremos esta mesma terra, os nosos ósos, a un mundo novo. Facemos enxertos, tentamos preservar o esencial: “Un fémur de voz corre a galope”.

A poeta proxéctase na musa. Quere aproximarse a L., quere afastarse. Os diferentes planos da realidade insírense na folla de papel. Hai unha vida que se soñou, que se intúe na escrita. É o relato do misterio. A escrita aparece como acto do pensamento. A palabra a construírse como feito da natureza, non como discurso, senón coma palabra viva, verbo. Esta é a linguaxe dos soños, das imaxes incomprensibles. Cómpre traducir un mundo tan certo coma invisible. A poeta é a mensaxeira, a filla de Mercurio. O texto é un xeroglífico, un pergameo iluminado. Galicia é o espazo da profecía, unha xeografía iniciática, principio e fin de todos os mundos, porta do alén.

Dáse unha familiaridade entre a lingua e a exhalación inefable da terra. A mensaxe que procede da xeoloxía, da vida soterrada, das múltiples formas do creado, como un todo orgánico, verbo e materia. Porque “a terra é a mente”, a poesía xorde dun tremor, dunha raiceira, dun alento ancestral que emana das orixes, un rastro de memoria, a exactitude da vibración sonora que sostén o mundo.

Esa é a “rocha lingüística”, a residencia do verbo, o lugar da existencia. Esta linguaxe abrollou desde o escuro, existe por si mesma, é a forza intelixible da Creación. O poema reproduce este coñecemento que se filtra, que atravesa os mundos. Na lectura adquirimos a memoria de feitos imposibles e certos, o destino da especie.

Cando chegamos ao noveno e derradeiro círculo visitamos o espazo da experiencia persoal. Esta autobiografía escribiuse do revés, desde o soño, ollando a morte, (o sangue tórnase negro, de certo, morremos), caendo na fin do mundo, na memoria da nenez, de todas as albas posibles, o que xa para sempre foi borrado da existencia. A vida mesma perdeuse, o soño ficou escrito con cinza, co alento da podremia, este é o verdor, a biografía que non chegou a ser, a completarse. Os soños non se realizaron. Só perdurou o signo, só fica a visión.

A muller (homo sapiens femia) é a chave que conecta os mundos. Seu é o cerebro que percibe a beleza, a significación. Faise herdeira de todo o creado: nai, filla, esposa, defunta, deusa. Poeta. Son as deusas as que están na orixe do poema.

(Re)significación

2020_01_29

O problema da xeración da palabra poética, en canto espida verbalización do misterio, é unha das preocupacións mais salientables de Un libre favor, o poemario de Chus Pato publicado en 2019 pola Editorial Galaxia. A lectura destes poemas incide no momento previo no que a palabra aluma a súa propia transcendencia ao se converter en signo poético, xermolo da historia, isto é, en cultivo e cultura, materia reproducible, semente de fertilidade. O avance da historia atestaría a progresiva manifestación do signo, rexistrada na poesía.

A palabra poética debe facer evidente o que permanecera oculto (aletheia). Perante a poeta, este proceso de des-ocultamento da verdade preséntase como unha revelación mesiánica. Así, a poeta asiste a sucesivas iluminacións e o seu cometido será a parcial liberación do signo; a isto débense a contención e o distanciamento que son a peculiaridade do seu estilo, xunto co emprego dunha lingua falada para rexistrar as visións que se desprega con certa ousadía, amosando pasaxes intimistas, nudeces da alma, transparencias do pensamento. Desaprendendo regresamos á orixe para celebrar unha nova natividade do noso ser desde onde mellor percibir a masa informe de mitos e lendas en que se sustenta o mito poético. O proceso de lectura deberá desenvolverse, por tanto, intuitivamente, como quen asiste a unha revelación, ao silabario do verbo.

A intertextualidade no poemario é imprescindible ao tema da revelación hermética. O xuramento intraducible do xigante Nimrod no Infierno de Dante: Raphel may améch zabí almí, insírese na mesma tradición que os refráns máis escuros dalgunhas cantigas medievais, e é, ademais a linguaxe coa que se afalan as vacas. Toda lingua é íntimamente incomprensible, fora a reflexión de Virxilio. Pola súa mesma incomprensibilidade, polo seu hermetismo, e pola súa irmandade con toda unha herdade de imprecacións malditas, a lingua é motivo de éxtase.

A poeta sábese herdeira dun coñecemento ancestral, xurdido dos substratos e residuos da terra, e desde ese lugar contempla a colisión coa modernidade. A herdanza celta é unha herdanza de sometemento sanguento, tamén é unha herdanza lírica, parte dunha cultura mesiánica perpetuamente a teimar na busca desa figura redentora: Arturo, ou, quizais, Afrodita. A poeta aparece como parte dunha estirpe de mulleres iniciadas nos poderes visionarios. O suxeito da revelación é unha rapaziña que se identifica ás veces con Perséfone, outras veces con Afrodita. Esta Perséfone transita cos errantes, na néboa. Non é tanto que habite o Hades como os carreiros de sombra da nosa xeografía. É así como a poesía devén oráculo e o poema o lugar da revelación.

Os poemas están situados nunha Galicia visitada polo pasado, defendida polas súas bestas, habitada nas súas torres, unha xeografía que é a imaxe reproducida nun tapiz. É unha Galicia imaxinada na hora na que se decide o seu destino. A profecía é descuberta afundindo a ollada no pasado, dándolles unha reviravolta aos séculos, facendo retroceder os reloxos, teimando por atopar a luz primixenia. Dentro deste conto de fadas non existe o tempo, as imaxes aparecen nun presente palpitante e impregnado de pasado, pero que está en permanente colisión coa modernidade. É a fábula na que se inscribe a vida mesma de Galicia, un cancioneiro medieval traspasado pola incerteza da modernidade. Así, facémonos conscientes da simultaneidade da historia cando se torna visionaria.

Logo recoñeceremos a pegada da nosa estirpe, despois de descartar a historia, certamente, pero non a nosa herdanza ancestral, que nos fai posuidores de alentos primordiais, dunha psique extensa, apenas cognoscible; a derrota do entendemento consúmase nunha sorte de pulsión atávica produto do desexo. Perséfone / Afrodita convértese en principio e fin do poema. Somos memoria inconsciente. Este é o territorio no que se sustenta o mito, esta é a materia informe da que beben os poemas. E neste intre faise necesario que nos refiramos ao desexo como forza xeratriz. Perséfone é protagonista dos misterios eleusinos, baseados nos mitos sobre a xeración e a fertilidade, que se fan referentes da creación poética. Eros asiste ao momento primixenio que propicia a rexeneración, esa primeira primavera de Perséfone. Deste propiciamento erótico derivamos a certeza na impregnación transcendente do cotiá. É así que o poemario promove o eterno retorno ás orixes, ao momento primeiro da xeración. Mais a poeta asiste a esta revelación cun sentimento de escepticismo fronte ás promesas de transcendencia. Recoñece o pulo da materialidade, o apego á xeografía xa coñecida, mesmo na súa imparable decadencia.

As xestas deste pobo quedan representadas nos sinxelos xestos da natureza, e por iso parecen mais valiosas: bosques percorridos por bestas desamparadas e anxos dubitativos. A natureza consiste, pois, nun xesto, e este xesto dalle o seu nome a un pobo. A observación tamén é unha maneira de nomear. O amor (Eros) está na orixe do mundo, pero tamén ofrecerá a clave para a súa interpretación. A historia visible, rexistrada pola palabra poética, aparece como materialización do ser, dun ser que é devir poético. A poesía inserida no devir da historia dun pobo confírelle a ese pobo o seu carácter mesiánico. Un libre favor asiste, pois, ao murmurio imparable do devir. A gramática ten, finalmente, o cometido de reproduciren imaxes de luz.