A escrita e o desexo

Annie Ernaux, O acontecemento, Rinoceronte Editora, 2023

O bebé nacería o 8 de xullo de 1964. Anne Duchesne rachou o certificado de embarazo. Era o froito dunha relación cun estudante no verán. Ela, matriculada en Letras, non podía permitir que o seu futuro se torcese. Tiña que eludir aquela trampa que atrancaría o seu progreso como rapaza da clase traballadora, significaría o seu fracaso social. O aborto estaba penalizado en Francia.

Décadas máis tarde, cando Annie Ernaux xa é unha escritora recoñecida, non pode reprimir o desexo de escribir sobre este asunto. Trátase dun desexo contraditorio, o traballo da memoria convértese nun proceso esgotador mais necesario. Agora está tan certa de querer contar esta historia coma no pasado o estivo de non querer ter o fillo. Hai unha confianza nos procesos da escrita que non se dá nos procesos biolóxicos, para ela sempre foi así. Neste tempo o aborto xa é legal no seu país e está preparada para afrontar a memoria. Este foi o acontecemento.

Para escribir o seu libro recorre aos seus diarios daquel tempo. O aborto convertérase nunha realidade que non cumpría representar verbalmente. O que non se nomea quizais abandonará a existencia máis certamente. Este pensamento do aborto alimentouse de relatos e rumores transmitidos en voz baixa. Hai uns feitos nas vidas das mulleres que existen nas marxes do discurso normativo. Quizais esta novela é o intento de nomear eses silencios, de desfacer as elipses que durante longo tempo prenderon na existencia feminina.

Non é doado habitar o espírito dunha mesma que xa se foi. Resulta difícil facer un rexistro desta arqueoloxía do ser, a escrita dunha mente que xa non é. Cómpre aferrarse á materialidade da historia: o diario, as cancións do momento, a guía telefónica. Existen estes vestixios dunha realidade que xa pasou. A escrita pretende capturar o seu reflexo no espello da mente, rexistrar a experiencia para non perder de todo a voz dunha mesma, o xuízo persoal e propio sobre os traballos que o tempo executou sobre nós.

O seu propósito vaina enfrontar á lei, mais non ao relato. O proceso da escrita xorde dunha necesidade de extraer unha verdade íntima e persoal da propia experiencia, que tamén vai ser unha verdade social e política. Ernaux é quen de reescribir a historia moral da humanidade, de desfacer as confusións do sentido último das cousas. A vítima vai actuar, vai reclamar a supervivencia. Un mundo novo nace. Un mundo no que apreixar a salvación. Había unha fame de palabras, estas palabras que agora buscan fortalecerse no real, nos datos certos da experiencia, para que nada sexa xa inventado, para que a escrita teña o recendo do sangue.

O texto fica así enfrontado á vida como o espello enfronta a alma. Hai que fuxir da tentación da paixón lírica. Esta escrita reflicte unha emoción puramente literaria que unicamente responde ante o texto. Porque as imaxes que cifran a traxedia son imaxes de contención. O dó ocorre noutra parte, máis alá da súa manifestación. A linguaxe péchase sobre si mesma. Os feitos non son menos arrepiantes. O acontecemento, cando sucede, abre o camiño no que se separan os destinos. Hai unha oportunidade para o sagrado. O que non debía ser non foi.

Avatar de Desconocido

Autor: Lorena Porto

Profesora de inglés. Libros y traducción literaria.

Deja un comentario