Os códigos da revelación

Daniel Salgado, Os paxaros e outros poemas, Xerais, 2021.

Os paxaros (o merlo, o pardal, os corvos, a lavandeira) asisten ao devir do mundo, eles habitan este mesmo vento que nos trouxo a este bordo da historia, a esta conclusión incomprensible. Facemos unha indagación sobre a estratexia da revolta, ese silencio que agocha unha resistencia íntima ante o abismo, o poder da vacilación, a esperanza dos derrotados, os sinais que debulla o voo dos corvos, a chamada dun novo reino.

Este limiar prepáranos para pousar nun interrogante, que se estenderá ao longo de todo o libro, sobre a mecánica de todas as cousas. Aquí, neste outono máis cruel ca outros, estamos no momento propicio, o novelo desanoouse. Comezamos os exercicios da intuición, xogamos ás adiviñanzas, emprendemos a escrita do poema.

Camiñamos no antropoceno. Cales son os motivos desta clausura do mundo? Hai unha verdade histórica: o anuncio da fin. As palabras ofrecen as súas resistencias ao significado. O avance dos séculos derrotou as nosas expectativas. Afortunadamente, estamos afeitos a nos perder na primavera. Hai unha crueldade nos froitos da Creación, na perfección do tomate, na redondez da laranxa, obxectos de luz satisfeita de si mesma, testemuñas da obediencia a todo o que existe. Iso é así. Mais algunha noite habemos ler o anverso destes poemas cos ollos pechados. Atopamos anotacións, relatos, biografías que se agochan nos labirintos prohibidos, referentes que insinúan as traxectorias da mente. Contemplamos a constelación que rexe os destinos neste novo milenio, neste oeste imaxinado entre milleiros de países posibles, un poeta que quere pensar o mundo no intre derradeiro, que fai “a crónica da derrota das nacións”. Copiamos uns versos no bordo deste pergameo bíblico, rexistraremos as revelacións seguindo a exactitude dos sinais, respectando o segredo. Nomearemos un mundo sen palabras, debullaremos símbolos visionarios, recobraremos a lucidez que se perdeu nos bombardeos.

Fuximos desta vitoria anunciada, ansiámola. Desfacemos os camiños para nos perder. Pero sempre retornamos ao mesmo abismo, a encrucillada dos mundos, o coñecemento e a paciencia perante os desatinos da Creación, esa luz que nos fai dano, que nos cura, esa luz na que se condensa o espírito da Historia, a súa violencia. Velaí os antecedentes da revolta, a necesidade da organización colectiva, o suspiro da liberdade, unha melancolía propia dos oprimidos, unha oración, a friaxe dun novo amencer, de todas as orixes de todos os mundos posibles.

Hai unha complicidade que se instala na lectura destes poemas, unha vontade de camiñarmos xuntos seguindo esa mesma traxectoria indómita, o voo dos corvos unha vez máis a marcar o territorio, cara as torres. Non queremos marchar dos espazos da desolación, a lembranza da terra a piques de se consumir, un feixe de parroquias en Lugo baixo a néboa, talvez un soño.

A profecía é certa. O lume desta des-existencia, os carreiros ocultos da utopía, a revelación das posibilidades que fican agochadas pero que son comprendidas polos poetas novos.